sábado, 13 de julio de 2013

LETRAS/Novela policial

“BÍCAME, FRANK”: Making Of 6

Fixo a foto da capa: Alba Sotelo


[Así escribín BÍCAME, FRANK, nas librarías desde martes 2 de xullo]

Desde a segunda entrega do sabuxo Frank Soutelo (LUAR NO INFERNO) suxerín a Galaxia o recurso a fotos orixinais para as portadas. Entendo que tamén é unha maneira de espallar e dar visibilidades, ao labor de quen se dedican á chamada fotografía creativa. En LUAR NO INFERNO foi Héctor Guzmán. En TRES DISPAROS DOUS FRIAMES foi Sever. En LUME DE COBIZA, José Luis Diz. E, finalmente, en BÍCAME, FRANK, Alba Sotelo, actualmente fotoxornalista. Coñecía a Alba de cando alumna miña en Comunicación Audiovisual (alumna das mellores, compre dicilo), que ademais fixo para Ángel de la Cruz, un tratamento global do personaxe Frank Soutelo para un hipotético traslado a imaxes das peripecias do sabuxo, como parte da práctica dun Máster no que ambos impartíamos docencia. Coñecía ben ao personaxe, sabía das súas virtudes e debilidades, e parecíame que Alba tiña talento abondo para afrontar a foto da capa. Moitos nervios pasou… Finalmente deu coa mellor solución, co recurso da súa colega artística, Ángela Ogando (Onward), que se prestou a exercer de modelo. O resultado pareceume sorprendente. Escollemos esa foto entre outras, co concurso do deseñador Manolo Janeiro. Pedinlles que se mantivera o branco e negro. E así quedou de ben. Considérome afortunado. Estou seguro que non será a última foto de Alba Sotelo que veremos nunha capa… [Seus son tamén os retratos da contra e máis da faixa].